"Un pueblo ignorante es un instrumento ciego de su propia destrucción" Simón Bolivar



miércoles, 6 de abril de 2011

¡NO A LA GUERRA!


"Pola paz, non á guerra

As persoas que hoxe respondemos á chamada da Coordinadora Galega pola Paz, o facemos para manifestar publicamente a nosa oposición á guerra, ás guerras como maneira de resolver os conflitos.
A guerra, o belicismo, a cultura da violencia, o terror, non significan a continuación da política por outros medios, como dicía Carl von Clausewitz, senón o fracaso da política, o fracaso da diplomacia, o fracaso da palabra, o fracaso da humanidade.
As guerras son sempre xustas para aqueles que as inician. Os agresores, sexan quen sexan, énchense de razóns para xustificar as súas accións militares. Todas as guerras buscaron sempre a compracencia da cidadanía, a súa parálise, a inacción, cando non a súa complicidade. Sen a complicidade ou a parálise da poboación, sen a silencio dos pobos, o delito de silencio, as guerras non son posibles.
En todas as guerras a primeira vítima é sempre a verdade. As mentiras están na orixe dos conflitos armados. E os bandos enfrontados menten, menten máis que falan, menten cando non din a verdade, ou cando a contan a medias. A propaganda e a manipulación anulan á información. E a mentira trunfa.
A intervención militar occidental en Libia está chea de cinismo, de hipocresía e de mentiras. Ninguén nega que a Resolución 1973 do Consello de Seguridade sexa legal. Ou que a decisión de apoiar a intervención do Parlamento Español non sexa maioritaria, coas honrosas excepcións do BNG e de IU. Son legais. Sen embargo, a súa lexitimidade, a súa xustiza, non están tan claras. Como tampouco o están os intereses secretos e non confesados dos intervintes.
Non podemos ser xuíces e parte nos conflitos armados. Non debemos esquecer que o Consello de Seguridade está formado polos estados que son os principais vendedores de armas do mundo. Tamén por aqueles que teñen enormes intereses económicos e xeoestratéxicos en Libia, particularmente Francia, Italia e o Reino Unido. Libia é, ademais, o segundo provedor de petróleo e gas do Estado Español. A participación española na guerra costa ás arcas do estado, a todas e a cada un de nós, 1 millón de euros ó día. Como podemos ver, neste caso, o déficit está ben xustificado, as guerras non contan, son un gran negocio, para algúns, para os mercadores da morte.
Os mesmos que, ata hai un mes, vendíanlle armamento convencional sen límites a Gadafi, os mesmos que o paseaban polas cancilerías e o presentaban como un actor principal no Mediterráneo, son agora os que aborrecen do ditador e o cualifican de asasino do seu propio pobo, merecedor polo tanto de detención e xuízo no Tribunal Penal Internacional, corte aínda non recoñecida, por certo, polos EE.UU.
Gadafi non é precisamente un modelo de gobernante democrático. Desde logo non o é máis que Mubarak en Exipto ou Ben Ali en Túnez. Como tampouco o son moitos gobernantes da rexión, algúns deles aliados da Coalición de Voluntarios. Como tampouco o é Mohamed VI de Marrocos, os príncipes dos estados do Golfo ou Arabia Saudita, por citar só a algúns.
¿Como non imos compartir o dereito a protexer á poboación civil?. Claro que si, mais en todo o mundo, non só en Libia e só dun bando. Para impoñer o dereito de protección non é necesario atacar militarmente a un estado soberano. Para impoñer a exclusión aérea non é necesario converterse no brazo armado dunha das partes no conflito, armala e asesorala, calada ou abertamente.
En Barheim, onde por certo existe unha base USA, tropas de Arabia Saudita interviron militarmente con extrema dureza non para protexer á poboación civil, senón para asegurar ó réxime monárquico que actuaba contra do seu propio pobo. Curiosa forma de impoñer o dereito de protección precisamente contra da poboación civil. En Gaza, por exemplo, os bombardeos do goberno sionista de Israel, contra da poboación civil son constantes e reiterados, vulnerando tódalas resolucións de Nacións Unidas, diante da total pasividade da comunidade internacional. ¡Canto cinismo, canta hipocresía!.
Non, así non se protexe. Non, así non se resolven os conflitos. Non, así non garantimos a paz e a seguridade.
Son moitas as mentiras. Son moitas as medias verdades no caso da guerra en Libia. ¿Quen pode crer o repentino entusiasmo de Sarkosy, Cameron ou Berlusconi polos dereitos humanos, a poboación civil libia ou a axuda humanitaria?. O cheiro a petróleo é abafante…
Todos sabemos que non se esgotaron as medidas de presión económica e diplomática previas. Tampouco se buscou o dereito de protección sobre a base da interposición de forzas da ONU para procurar un alto o fogo real e multilateral. Nin se propiciaron acordos políticos sobre a base da democracia representativa. O penoso papel do Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-Moon, neste conflito, evidencia o seu sometemento absoluto ós poderosos e á industria do petróleo e do armamento.
Rematar canto antes os ataques aéreos, interpoñer de inmediato forzas de vixianza de paz das Nacións Unidas, retomar o papel da diplomacia, garantir un tránsito pacífico sobre a base do diálogo entre as partes, deberan ser os obxectivos da comunidade internacional.
Non podemos seguir lexitimando a guerra e a violencia. Nin tampouco a partición do Estado Libio, nin a apropiación das súas riquezas petrolíferas e gasísticas por parte de Occidente, nin a tutelaxe política da súa cidadanía.
As persoas que hoxe estamos aquí, convocadas pola Coordinadora Galega pola Paz, reiteramos que a democracia non se impón con bombas e misís, que as matanzas non se evitan provocando novas masacres. Que o dereito de protección non pode materializarse sobre a base da xeralización da guerra e da violencia.
Sobran as razóns. Estamos cargados de argumentos para seguir a berrar, unha e outra vez:

pola paz, non á guerra.

COORDINADORA GALEGA POLA PAZ

CONCENTRACION NACIONAL
XOVES, DÍA 7 DE ABRIL, ÁS 20:30 HORAS
PRAZA DO TOURAL
SANTIAGO DE COMPOSTELA"

Firmado por: "Coordinadora Galega pola Paz"

No hay comentarios:

Publicar un comentario